O BNG reclama máis transparencia e participación no proxecto de biometano de Xunqueira de Ambía

Sonia Vidal
Sonia Vidal

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei co obxectivo de que a Xunta amplíe o prazo de exposición pública do proxecto da planta de tratamento de residuos e produción de biometano prevista en Xunqueira de Ambía (Ourense). A iniciativa chega tras detectarse problemas de acceso á documentación ambiental publicada pola Consellería de Medio Ambiente no seu portal web.

As deputadas e deputados Sonia Vidal Lamas, Xosé Manuel Golpe Acuña e Luís Bará explicaron que o expediente da empresa Biofertilizantes Xunqueira de Ambía S.L. (2024-IPPC-I-153) non se podía consultar a través do buscador da Xunta, a pesar de terse anunciado oficialmente no Diario Oficial de Galicia o 3 de outubro. «Esta situación vulnera o dereito da cidadanía a acceder á información ambiental e impide presentar alegacións en prazo», denunciaron.

«A Xunta debe garantir transparencia e participación real. Non é admisible que un fallo informático reduza dereitos nin silencie a veciñanza afectada», subliñou Sonia Vidal, portavoz nacionalista no concello.

O BNG propón que se amplíe o prazo de exposición pública polo tempo que durase a falta de acceso e que esa ampliación se publique no DOG, en cumprimento da Lei 5/2017. Ademais, rexistraron preguntas parlamentarias para aclarar as causas do fallo, as medidas correctoras e as responsabilidades.

Vidal tamén criticou que o PP local “pretende xogar ao despiste coa veciñanza”, ao presentar unha moción asegurando descoñecer o impacto do proxecto cando xa existía un informe favorable do concello datado en febreiro de 2024.

Desde o BNG, reiteran o seu compromiso coa defensa dos dereitos, a saúde e o territorio de Xunqueira de Ambía fronte a calquera iniciativa empresarial que non garanta transparencia nin respecto ambiental.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad