Máis de mil escolares galegos participan no desafío científico de Galiciencia

Galiciencia
Galiciencia

Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade, estase a desenvolver ata mañá venres no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia- co lema “Neurociencia e saúde mental”. Celébrase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Este ano o certame conmemora o seu 20 aniversario.

Na xornada de hoxe celebrouse a final do Desafío científico “Atrévete coa mente!”, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Ao longo deste tempo propúxoselles explorar a mente humana co fin de coñecer a importancia da neurociencia para poder entender e mellorar a nosa saúde mental.

Sumáronse a esta aventura un total de 404 equipos, integrados por 1056 rapaces e rapazas de 48 centros educativos diferentes. Os que conseguiron pasar os tres retos da fase online enfrontáronse esta mañá nunha final presencial. O gañador na categoría de Primaria foi o equipo “Jimar”, integrado por Martín Gil, Jimena Martínez e Ana Fernández, do Colexio Santo Ángel de Ourense. Na categoría de primeiro a terceiro de Secundaria gañou o equipo “Red Cajal”, formado por Julia Villar, Juan Andrés Fernández e Santiago González, do Colexio Santo Ángel de Ourense; e de cuarto de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron “Sabela e Katia”, do que forman parte Sabela Osorio e Katia Rodríguez, do IES Xunqueira de Pontevedra.

Talleres para sensibilizar sobre a saúde mental na adolescencia

Entre as actividades que se están a desenvolver no marco da feira, o alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar nun xogo destinado a sensiblizar á mocidade sobre a saúde mental, promovendo a información e rompendo prexuízos en relación á mesma. 

Ademais, a rapazada está a participar nun taller no que se afonda no funcionamento do cerebro para aprender a coidalo, de cara a gozar dunha boa saúde mental. Nesta liña, coñecen como afectan as redes sociais á saúde mental na adolescencia, como os videoxogos poden causar adicción, que pasa no noso cerebro cando realizamos apostas en liña… Están a descubrir tamén a importancia do soño durante a adolescencia, como o consumo de alcohol afecta ao noso sistema nervioso, por que as drogas son aditivas, por que facer exercicio axuda ao noso rendemento intelectual… e mesmo achéganse a novas realidades como o caso do neurodoping.

Espectáculo de ciencia

Esta mañá celebrouse un novo espectáculo científico, que os centros educativos galegos puideron seguir tamén en liña. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos. Baixo o título “O cerebro: unha máquina extraordinaria”, os participantes somerxéronse nunha serie de experimentos que lles permitiron probar alimentos de sabores misteriosos, puideron observar as ondas cerebrais e descubriron a fascinante neurociencia que se agocha tras sentimentos como o amor.

Mañá venres remata Galiciencia coa entrega de premios aos mellores proxectos.

Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sostible, a igualdade de xénero e a divulgación científica

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad