O Xulgado falla a favor do Concello de Ourense e denega as medidas cautelares solicitadas polos comerciantes da Praza de Abastos

Plaza de Abastos de Ourense
Plaza de Abastos de Ourense

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense ditou un auto favorable ao Concello, no que denega a adopción das medidas cautelares solicitadas pola asociación de comerciantes da Praza de Abastos número 1, que demandaba a suspensión do acordo municipal que os requiriu a iniciar o proceso de traslado dos seus puntos de venda desde a Alameda ao novo edificio rehabilitado.

O acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local do día 10 de abril, concedíalles un prazo de 3 meses para presentar o proxecto de adaptación do espazo interior para o traslado dos postos, que debería ser aprobado polo Concello. No caso de detectarse eivas, estas deberían corrixirse nun máximo  de 2 meses e, unha vez aprobado, o proxecto debería executarse no prazo máximo de 6 meses.

A entidade mercantil interpuxo un recurso contra este acordo e solicitaba a súa suspensión cautelar. Esta pretensión é desbotada no auto do Xulgado do Contencioso, recibido hoxe polo Concello, que resolve que “procede a desestimación da medida cautelar ao non apreciarse neste momento a existencia dun prexuízo irreparable ou de moi difícil reparación no caso de execución do acto administrativo”.

Advirte tamén que na súa demanda de medidas cautalares, a asociación “non está recorrendo un desaloxo nin tan sequera unha orde de traslado inmediata. O único que se interesa pola Administración é a elaboración do plan de distribución” do edificio remodelado e explica que “calquera outra cuestión relativa a quen deba custear as obras ou a imposibilidade de executalas nun prazo de 6 meses, deberán ser examinadas unha vez que se presente e aprobe o citado proxecto, non agora”.

Interese público “evidente”

No auto, o Xulgado subliña tamén que “non pode obviarse que, por outra parte, hai un interese público evidente que choca co dos actores dado que na actualidade está a ocuparse un parque público, polo que non parece ilóxico que se vaian dando pasos destinados a que os comerciantes regresen ao lugar no que habitualmente desempeñaban a súa actividade e para o que se reformou, deixando libre aquel. Ademais, mentres o edificio permanece baleiro segue correndo o prazo de garantía, o cal redunda en prexuízo de todas as partes”, engade.

Continúa o proceso administrativo

Tras coñecer este auto, o goberno municipal avanza que “o Concello continuará desenvolvendo o proceso administrativo para que se cumpra o convenio asinado no seu día” e empraza os comerciantes “a que dean os pasos necesarios para trasladarse da Alameda ao novo edificio rehabilitado”.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad