
A Deputación de Pontevedra puxo en valor en Sanxenxo as escritoras de literatura infantil da provincia no marco do ciclo Mulleres de Palabra(s). Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto protagonizaron unha conversa no Auditorio Emilia Pardo Bazán baixo o título “Escribir para as máis novas”, conducida pola xornalista Susana Pedreira e onde a deputada provincial Sandra Bastos incidiu na importancia de “construír referentes para que as nosas nenas e mozas teñan espellos nos que mirarse”. Bastos recordou que o obxectivo de Mulleres de Palabra(s) é “reivindicar a palabra das escritoras conectándoas co noso tempo, escoitando a escritoras da actualidade que teñen moito que dicir”.
Mulleres de Palabra(s), enmarcado dentro das actividades do Ateneo Provincial pola Igualdade desde o que a Deputación de Pontevedra está a investigar e a promover a divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero, pretende, tal e como remarcou a deputada provincial dirixir “as nosas miradas ás escritoras e ás palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Neste eido, recordou que o programa comezou en marzo e que está a percorrer a provincia da man de quince escritoras actuais con obradoiros, recitais, lecturas e conversas.
Despois desta cita de Sanxenxo, Mulleres de Palabra(s) continúa en xuño con dous obradoiros en Pontevedra, de man de Diana López Varela, e na Lama, con Maritza Berttolini. De novo en Pontevedra, e o ciclo rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña. Anteriormente realizáronse dous encontros, un en marzo con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta co gallo do Día Mundial da Poesía, e outro en abril coas novas voces da literatura da provincia Guada Guerra, Lara Dopazo e Andrea Fernández Plata.