Tecnoloxía galega con impacto global: fallados os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2025

Equipo Carlos García
Equipo Carlos García

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Os dous proxectos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 11 de xuño no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Optaban a estes galardóns un total de 80 propostas.

O material máis lixeiro do mundo

O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de produción sostible de materiais porosos estériles para aplicacións biomédicas, de investigadores do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago, liderados por Carlos García, e encadrado na investigación predoutoral de María Carracedo.

Tal como explican os investigadores, os aeroxeles son unha tecnoloxía emerxente de vangarda cunhas propiedades extraordinarias. “Destacan pola súa alta porosidade, o seu peso ultralixeiro (baten o récord Guinness como o material máis lixeiro do mundo) e a súa elevada superficie específica. A súa aplicación máis coñecida é como illante térmico en edificios, baterías eléctricas de coches e téxtiles técnicos. Con todo, as súas propiedades únicas están a abrir novas oportunidades noutros sectores como a cosmética, a alimentación e, moi especialmente, a biomedicina” -sinalan-.

“Non obstante, para fins biomédicos requírese que o material cumpra criterios de esterilidade no produto final, o que representa unha gran dificultade debido á súa complexa nanoestructura” -indica García-. Os investigadores da USC lograron, por primeira vez, a produción destes materiais de maneira estéril, abrindo así as portas ao seu uso biomédico en moitas aplicacións como, por exemplo, en implantes óseos, administración pulmonar de medicamentos ou tratamento de feridas. Trátase dunha solución industrial prometedora e viable, tanto desde o punto de vista tecnolóxico como económico, xa que permite a redución de tempos de produción e custos. Dado o carácter único e ecoeficiente da tecnoloxía desenvolta para a produción destes aeroxeles, a invención xa foi patentada. 

O carácter único do material obtido, así como o carácter sustentable da tecnoloxía desenvolta, xa foi recoñecido con varios premios internacionais de innovación. Na actualidade atópase en fase de valorización tecnolóxica en colaboración con empresas galegas para a súa transferencia a diferentes usos. Este traballo é froito da colaboración durante máis de dez anos de tres grupos de investigación da Universidade de Santiago, pertencentes á facultade de Farmacia, ao iMATUS -Instituto de Materiais-, iARCUS -Instituto do Medio Acuático para unha Saúde Global- e CiMUS  -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas-.

Unha tecnoloxía transferida á empresa galega Gazella Biotech, dedicada ao desenvolvemento de terapias avanzadas para o tratamento de enfermidades metabólicas

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o grupo de investigación NeurObesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. O equipo está coordinado por Miguel López, catedrático de Fisioloxía da USC e referente mundial no campo da obesidade e a neurociencia metabólica. A tecnoloxía premiada transferiuse a Gazella Biotech, unha nova firma biotecnolóxica fundada en Santiago en 2024 como spin-off da USC, que nace co propósito de superar os retos asociados ao desenvolvemento de terapias avanzadas para o tratamento de enfermidades metabólicas, centrándose principalmente na obesidade.

O equipo pon de relevo que a obesidade causa millóns de mortes cada ano debido a comorbilidades como as enfermidades cardiovasculares, a diabetes tipo 2 e algúns tipos de cancro, o que a converte na epidemia máis previble da actualidade. En 2020 a obesidade alcanzou niveis pandémicos a nivel mundial, con máis de 2,8 millóns de mortes. Aínda que a cirurxía bariátrica é o tratamento máis efectivo, non é accesible para todos, e os esforzos para desenvolver fármacos antiobesidade enfrontan desafíos debido ao elevado número de efectos secundarios e á falta de especificidade. Neste contexto, moitos fármacos enfócanse en controlar a inxesta de alimentos -non no gasto enerxético-, e unha das complexidades da obesidade radica na necesidade de desenvolver tratamentos máis personalizados. 

A empresa traballa no desenvolvemento dunha nova terapia baseada en vesículas extracelulares pequenas para abordar os mecanismos centrais que modulan o equilibrio enerxético, como unha alternativa de altísimo potencial para tratar a obesidade e as súas comorbilidades. Esta tecnoloxía, que a compañía desenvolveu e publicou recentemente, xa está protexida por unha solicitude de Tratado de Cooperación en Patentes e na actualidade teñen outras dúas patentes asociadas en proceso de revisión. O obxectivo da compañía é completar as actividades preclínicas e dar os primeiros pasos cara ao desenvolvemento clínico desta nova terapia.

A terapia proposta xa mostrou resultados moi prometedores en ensaios preclínicos, resultados publicados en revistas de alto impacto como Nature Metabolism e Metabolism. Logrou mellorar cocientes de obesidade e metabolismo tanto en ratos obesos inducidos por dieta como en ratos obesos xenéticos, sen efectos adversos. O novo enfoque que presenta a compañía podería proporcionar unha solución nova, reducindo significativamente a carga sanitaria global da obesidade e mellorando os resultados nos pacientes.

O desenvolvemento desta nova terapia representa un cambio de paradigma na medicina de precisión. Polo momento, podería ter un impacto directo na obesidade e outras enfermidades metabólicas, así como servir como un tratamento novo para un subgrupo de enfermidades neurolóxicas, comorbilidades oncolóxicas e accidente cerebrovascular isquémico.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad