
Sobrado do Bispo celebra a segunda edición do festival cultural Emulart do 12 ao 20 de xullo. A iniciativa, impulsada polos propios veciños da parroquia, conta coa colaboración do Concello de Barbadás a través da Concellería de Cultura. Emulart propón un total de 15 actividades artísticas que se desenvolverán en distintas localizacións da vila como prazas, o convento ou o bar. “Sobrado sempre foi faro de cultura e referente en todo o concello”, destaca o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
A localidade conta cunha importante actividade musical de grupos e asociacións, pero Emulart tamén ten espazo para outras disciplinas artísticas. “Teremos música clásica, contemporánea, tradicional, exposicións… Este festival é unha forma de recuperar a cultura desde o rural”, explica Valcárcel, que pon en valor a iniciativa. “Queremos que Sobrado sexa un referente para outras parroquias”, asegura.
Pola súa parte, Ana Peleteiro, concelleira de Cultura e veciña de Sobrado, agradece o traballo e esforzo da organización e das asociacións culturais involucradas, como Porta da Cadea e Voces e Cordas. “Para nós é un orgullo e un privilexio poder colaborar con estas actividades”, apunta. A edila sinala a boa participación da poboación na pasada edición, e convida á veciñanza a volver a desfrutar das variadas propostas de Emulart: “Haberá música, escultura, cine, curtametraxes de humor…”.
Rafael Yebra, director artístico do festival, agradece a cooperación do Concello de Barbadás, así como do resto de entidades colaboradoras. “Se tradicionalmente pensabamos na cultura nun espazo como un auditorio ou un salón, agora mesmo iso todo mudou, a cultura podémola atopar en calquera espazo”, asegura. Yebra da conta da intención do equipo organizativo por crear un espazo de “desenvolvemento artístico” no que a veciñanza poida encontrarse, compartir e desfrutar das diferentes manifestacións culturais incluídas na programación. “Emulart aspira a ser moi grande e a converter a Sobrado e a Barbadás no epicentro da cultura nestas datas”, apunta.
O festival comeza o día 12 co concerto de Rafael Yebra e Oswaldo Oro na igrexa da localidade, que dará inicio a sete días de moita cultura, confraternización e diversión.
Rehabilitación da antiga escola
Xosé Carlos Valcárcel recorda a aposta do goberno local por reforzar e apoiar as iniciativas culturais, non só a través da colaboración en festivais, senón tamén con obras de rehabilitación. “Acabamos de recepcionar a obra de rehabilitación da antiga escola de Sobrado, que se destinará, entre outras moitas funcións, a ser o lugar de ensaio da coral Voces e Cordas, un dos referentes culturais da localidade”, detalla o alcalde.