
A CIG cualifica de «éxito rotundo» a xornada de folga convocada nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de toda Galiza, ao igual que as concentracións celebradas en innumerábeis concellos galegos. Con este paro, secundado masivamente, as traballadoras colgaron as súas batas para denunciar a precariedade laboral, a falta de protocolos de seguridade e a inacción da Xunta de Galiza e da FEGAMP tras do asasinato da compañeira Teresa no Porriño hai 16 días.
Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva de CIG-Servizos, destacaba a primeira hora da mañá a alta participación «a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados por algúns concellos» e denunciaba que «a Xunta, desentendéndose das súas responsabilidades, derivou aos concellos a declaración dos servizos mínimos, e moitos non os decretaron, deixando a responsabilidade ética ás traballadoras».
Neste sentido, Pedro Pérez, da CIG-Servizos, explicou que «as traballadoras, ante a irresponsabilidade da administración, asumiron cubrir os servizos mínimos vitais, como levantar ás persoas usuarias, aseo, almorzo e medicación, antes e despois das concentracións».
Violencia institucional
Ao longo da mañá -pola tarde hai aínda convocatorias, como a manifestación que terá lugar en Vigo ás 17:30 horas- desenvolvéronse múltiples concentracións diante dos concellos onde denunciaron que transcorridos 16 días desde o tráxico suceso de Porriño, seguen sen solucións.
Así se recolle no manifesto ao que deron lectura ao remate dos actos de protesta no que denunciaron que seguen sen solucións, que a única resposta obtida polos responsábeis son declaracións públicas pero «nin unha soa acción» e que a única resposta da Xunta foi o silencio. Fronte a iso aseguraron que «Teresa non precisa de silencio, precisa de clamor, precisa de que a súa morte sexa un berro que chegue ao último responsable que ocupa a presidencia da Xunta de Galiza», porque, afirmaron «Teresa precisa de que non calemos até que haxa xustiza».
Advertiron de que morreu precisamente porque «foi silenciada» e lamentaron que «a denuncia fronte a empresa dunha situación de acoso non foi suficiente para tomar medidas inmediatas de protección, a súa palabra, a palabra dunha profesional non foi suficiente».
Por iso consideraron que «ten que bastar unha palabra, ten que bastar a declaración dunha auxiliar para que inmediatamente se suspenda un servizo» e advertiron do alto risco físico e mental do traballado que desenvolven. Risco que aseguraron estar «fartas de denunciar» reclamando medidas nas empresas e ante o que, máis unha vez, só reciben silencio ou que «cando conseguimos convencer as empresas dalgunha medida como a suspensión dun servizo, a Xunta de Galiza decide repoñelo nas condicións iniciais».
Unha situación diante da que rexeitaron que «o dereito á atención no domicilio estea sempre por enriba dos dereitos laborais, dos dereitos de protección, e dos dereitos das mulleres» que, afirmaron, «mantemos con precariedade, co noso corpo, coa nosa saúde mental e mesmo coa morte».
Man de obra barata
Do mesmo xeito denunciaron que para a Conselleira de Servizos Sociais «non temos sequera a condición de traballadoras. Para ela somos man de obra barata, que desempeña un servizo público esencial, en mans de empresas privadas». E dirixíndose a Fabiola García lembráronlle que «a seguridade laboral é un dereito das traballadoras e un deber das empresas e das administracións garantir unhas medidas de saúde laboral que eviten riscos, máximo cando estamos falando de exposición a agresións de todo tipo».
As compañeiras de Teresa lembrárona cun «Teresa somos todas» e clamaron contra un modelo de atención á dependencia privatizado que foi derivado pola Xunta de Galiza aos concellos que «son os que teñen que velar pola saúde e a seguridade das súas traballadoras, das súas veciñas» e que denunciaron que, porén, «limítanse a entregalas a empresas privadas nunha poxa chamada licitación». Por iso cualificaron esta situación de «violencia machista e institucional».
Protocolo xa
As concentracións concluíron exixindo Un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que poña fin a precariedade laboral e un protocolo de prevención fronte o acoso e agresións de obrigado cumprimento en todos os servizos do SAF na Galiza, onde se recollan cando menos as seguintes medidas:
• Ante a existencia dunha denuncia ou comunicación dun posible caso de acoso, estará xustificada a ausencia ao posto de traballo.
• Que, no momento no que se reciba unha queixa de acoso dunha traballadora se suspenda cautelarmente o servizo, activándose o protocolo de acoso.
• Que se realicen xa as avaliacións de riscos, incluídos os psicosociais, en todos os domicilios.
• Habilitar un servizo efectivo para presentar calquera incidencia e dar traslado inmediato as delegadas de prevención.