O sector de coidados vive a súa sétima xornada de folga dende setembro por uns convenios dignos nas residencias e nos SAF

Huelga del SAF en Ponteareas
Huelga del SAF en Ponteareas

A sétima xornada de folga convocada pola CIG dende setembro no sector de coidados (residencias de maiores e centros de día privados e Servizos de Axuda no Fogar) está a ter de novo un importante seguimento, como así o evidencian as mobilizacións que tiveron lugar ao mediodía en nove localidades do país. Por outra banda, unha representación da central participou hoxe na xuntanza da mesa de traballo encargada de elaborar un protocolo de protección para o persoal dos SAF, na que se evidenciou que o presidente da Xunta intentou “vender” a existencia dun protocolo “que en realidade é só un esquema de traballo”.

Con esta loita as persoas traballadoras do sector están a reclamar convenios colectivos que dignifiquen as condicións de traballo e garantan unha atención de calidade, tal e como lembran dende a CIG-Servizos, ao tempo que denuncian a parálise da negociación por parte dunhas patronais que se negan a sentarse e coa “complicidade” da conselleira de Política Social, Fabiola García, “a pesar de que a Xunta é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes”. Até o punto de que o SAF leva dende 2012 sen convenio e as residencias dende 2023, polo que o persoal do sector padece condicións de precariedade e baixos salarios dende hai anos.

Unha precariedade que se vai perpetuar tendo en conta o proxecto de orzamentos autonómicos para 2026 que se vén de coñecer, “xa que non se incrementan o necesario para dotar de condicións dignas o sector”. Ademais, trátase de partidas orzamentarias non pechadas, polo que en calquera momento se poden mover contías millonarias para outros servizos, “como aconteceu recentemente na partida destinada aos SAF, da que a Xunta detraeu 17 millóns de euros”.

En consecuencia, a central sindical seguirá apoiando as “xustas reivindicacións” das milleiros de empregadas do sector, que continuarán a loitar polos seus dereitos laborais ante a “inacción” e a “falta de vontade política” para dignificar o sector da dependencia e a atención domiciliaria. “Seguiremos esixindo que se escoite ao persoal, que se melloren as condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.

Mais tamén para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar; e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. “Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio”.

O suposto protocolo presentado polo presidente da Xunta “é só un esquema de traballo”

Por outra banda, hoxe celebrouse finalmente a xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de protección para o persoal dos SAF, convocada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) tras a solicitude da CIG. No encontro que tivo lugar en Compostela o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) presentou o documento como un “esqueleto” de protocolo para que se “enchera” coas propostas das persoas con máis coñecemento do sector e polas organizacións sindicais, “o que deixa totalmente en evidencia o anuncio do presidente da Xunta, que se apropiou dun documento do ISGGA para vendelo coma un protocolo, cando nin sequera existe porque se trata só dun esquema de traballo”, tal e como denuncia a representación da CIG que participou na reunión.

Ademais, a Administración autonómica segue a ser a gran ausente da mesa de traballo, xa que se limita a enviar á directora xeral de Inspección de Servizos Sociais, “unha persoa cun discurso absolutamente reaccionario que non entendo o SAF como un servizo profesionalizado, senón que parece que o persoal ten que aterse ao que se atope nos domicilios e ao que se lle mande, priorizando a atención e as persoas usuarias”. Polo que na central consideran “moi difícil” que se poida contar cun protocolo eficaz sen o compromiso da Xunta de acometer os cambios normativos necesarios para garantir que as medidas que se inclúan no documento se fagan efectivas.

Tampouco se concretan as medidas a adoptar en materia de protección, salvo suspensións dos servizos ou rotacións, en cuxo caso non se garanten os dereitos das persoas traballadoras ao non establecer que esas suspensións dos servizos ou rotacións non supoñan reducións da xornada de traballo ou dos salarios para as afectadas. “Porque as medidas que propoñen a día de hoxe son esas, que as persoas traballadoras deixen de prestar o servizo e que perdan horas de traballo e polo tanto ingresos”. 

E para rematar, consideran que o protocolo non pode ser efectivo nas actuais circunstancias porque non se dota de recursos para a súa aplicación, “nin se traslada a obrigatoriedade de incorporalos aos pregos de contratación do servizo ou aos Concellos”.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad