O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a reapertura urxente da oficina de rehabilitación, vivenda e peris

Barrio de A Ponte El Puente

O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá unha iniciativa en materia de urbanismo no pleno municipal de agosto, na que o grupo solicitará a reapertura urxente da Oficina de Rehabilitación Urbana, Vivenda e PERIs do Concello de Ourense. Reivindican que Ourense é a única das grandes urbes galegas que non conta con esta dotación, logo de que o alcalde Jácome decidise desmantelala o pasado mes de febreiro, pasando a integrarse nas dependencias da Concellaría de Urbanismo, e prescindindo da súa fundamental función de atención ao público.

Ademais, dende o grupo socialista aseguran que o peche deste equipamento contravén o establecido na Lei 1/2019 do 22 de abril, de rehabilitación, rexeneración e rehabilitación urbana de Galicia no seu artigo 71, polo que demandarán a súa reactivación na rúa Primavera, así como reforzo do persoal necesario para a xestión e tramitación urbanística e das subvencións vencelladas á renovación urbana en Ourense.

«Ourense é a única das grandes cidades de Galicia que non conta cunha oficina de rehabilitación urbana e iso incumpre a propia ‘lei da triple R’ da Xunta de Galicia. Ademais, estamos á cola en acadar recursos para a rehabilitación urbana, polo que o noso grupo municipal pedirá de novo que a oficina do PERIs volva ao seu lugar, á rúa Primavera, e tamén que o Concello se adhira ao programa de apoio técnico das oficinas de rehabilitación de Galicia, que pensamos que é un elemento fundamental para o futuro desta cidade», afondou a concelleira Natalia González.

No texto da iniciativa, os e as socialistas subliñan que a lei establece, no seu punto 1, que cada Concello deberá ter, adscrito á administración municipal, «un único centro de rexeneración urbana de interese autonómico, que exercerá as súas funcións na totalidade dos ámbitos do municipio con áreas de rexeneración urbana de interese autonómico declaradas ou que se declaren», algo que actualmente está a ser incumprido.

Así as cousas, os  e as socialistas censuran a decisión arbitraria do alcalde de pechar esta oficina «contra o criterio do resto da corporación municipal, que nas propias reunións da comisión do PEPOU esixiu, de maneira unánime, a permanencia deste equipamento estratéxico na rúa Primavera», un aspecto especialmente crucial nun momento no que está pendente a aprobación do Plan Especial de Protección do Sitio Histórico da Cidade de Ourense (PEP-Ourense), a futura adhesión do Plan Rexurbe ou a xestión dos Fondos Next Generation en materia de vivenda, «fundamentais para resucitar o casco histórico, espoliado e abandonado».

Neste sentido, e paralelamente, o grupo socialista demanda que o Concello de Ourense, como institución máis próxima á cidadanía, habilite un punto de información á xente nova que queira acollerse ao Bono Alugueiro Mocidade, unha aposta firme do Goberno socialista para que a vivenda «sexa un verdadeiro dereito para os mozos e mozas do país».

«A Xunta de Galicia non está a facer nada para informar aos mozos e mozas dunha axuda de ata 250 euros para o seu alugueiro e emancipación, por iso tamén requirimos que o Concello de Ourense estableza un punto de información para mozos e mozas que queiran acollerse a este bono, cuxa solicitude estará vixente ata finais de outubro de 2022», sinalou González.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad